Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Frades agradece a colaboración da veciñanza, que doou máis de 400 quilos de alimentos para familias necesitadas


A xenerosidade dos veciños e veciñas de Frades permitiu reunir máis de catrocentos quilos de alimentos na segunda campaña de recollida organizada polo Concello de Frades e Cáritas. Unha campaña que contou coa colaboración especial do CPI Ponte Carreira, da Cooperativa Central de Frades e da farmacia de Abellá que, canda a casa consistorial, foron os puntos de recollida dos alimentos entre o 17 de novembro e o pasado 17 de decembro.

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, foi o encargado de entregar esta mañá os alimentos a María Luz Gómez e Mari Flor Bravo, representantes de Cáritas en Frades. Ferreiro agradeceu “a participación e solidariedade amosada polos veciños e veciñas de Frades, que achegaron máis de catrocentos quilos de alimentos básicos como leite, aceite, pasta ou conservas que agora serán repartidos por Cáritas entre as familias que máis o precisan”.